A USC e a Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes non Tripulados (Agasint) suman esforzos a prol da mellora da formación e do fomento do I+D+i neste ámbito, segundo se desprende do convenio asinado entre ambas entidades e presentado este luns na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, no marco dun acto no que participaron o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, a coordinadora do máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, Mariluz Gil Docampo; o presidente de Agasint, Luis Aceituno, e Marco Rubinos, en representación da empresa 3edata, unha spin-off tecnolóxica nada no campus de Lugo da USC e, na actualidade, adherida a Agasint.
O obxecto do acordado asinado pola USC e Agasint pasa por unha clara aposta por integrar formación, investigación e desenvolvemento científico e tecnolóxico co sector socioeconómico, a fin de poder mellorar e, no seu caso, completar a formación académica que recibe o alumnado matriculado no máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados ou en calquera outro título ou programa de estudos da USC neste ámbito do coñecemento mediante a colaboración coas empresas do sector.
A sinatura deste convenio permite establecer un marco de acordo acaído para canalizar a execución de proxectos e programas de investigación entre la Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC e as empresas agromadas en Agasint. A cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico, así como outras tarefas de asesoramento mutuo e mesmo a promoción e organización de actividades relacionadas co desenvolvemento tecnolóxico tamén forman parte do amplo abano de posibilidades que favorece este acordo entre Agasint e a USC.
Satisfeitos polo acordo acadado entre USC e Agasint, os responsables académicos e os representantes empresariais que participaron na presentación deste convenio marco, salientaron o “ carácter ambicioso” dun convenio marco que está aberto a múltiples posibilidades. De feito, indicaron, cada actuación ou plan de acción concreto que se baralle será obxecto dun convenio específico, precisaron.
Os sistemas tripulados en forma remota, tanto aéreos como terrestres ou acuáticos, constitúen un sector en franca expansión, e en moitos casos constitúen ferramentas innovadoras que precisan de profesionais cun alto grao de de formación, lembra Marco Antonio Rubinos Román, para quen resulta lóxico, por non dicir, necesaria, a creación de ligazóns entre empresas tecnolóxicas e centros de investigación.
O presidente de Agasint, Luis Aceituno, sinalou neste senso que os obxectivos da asociación que lidera pasan por trasladar e canalizar as necesidades específicas de formación. “Cada vez identifícanse novas necesidades de coñecemento entre os técnicos que están a desenvolver traballos nas empresas tecnolóxicas, o que dá pé a nichos de emprego emerxentes no contexto do mercado laboral”, dixo.
Respecto dos cometidos específicos deste convenio co máster interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, Aceituno precisou que unha das motivacións deste acordo é a de colaborar na formación práctica do estudantado matriculado neste posgrao impartido na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC e na Uvigo. Difundir o traballo que están a realizar as empresas tecnolóxicas e divulgar os resultados dos proxectos que desenvolven é outra das pretensións desta colaboración, coa que tamén se busca facilitar a incorporación ao mercado laboral dos futuros titulados e tituladas, engadiu o presidente de Agasint.
A proposta de actividades susceptibles de incluír neste marco de colaboración xenérico ou de materializarse a través de convenios específicos, así como o seu posterior seguimento, serán cometido e responsabilidade dunha comisión mixta integrada polo responsable dunha das Vicerreitorías da USC e por Marco Antonio Rubinos Román, en representación de Agasint.
Este convenio non é unha acción illada, salientou Rubinos Román, para logo engadir que este acordo está encadrado no marco do desenvolvemento do polo tecnolóxico aeronáutico de Rozas. O Centro de Ensaio con avións non tripulados de Rozas (Ciar), a Bussines Factory Aereo, a Civil UAVs Initiative, explicou Rubinos, son algunhas das iniciativas que se están a desenvolver na provincia de Lugo que conta cunha participación activa tanto da USC como das empresas agromadas en Agasint.