Please enable JS

A illa de Tambo conta cun mapa tridimensional da súa parte oriental

Investigadores da EE Forestal...
A illa de Tambo conta cun mapa tridimensional da súa parte oriental

A illa de Tambo conta cun mapa tridimensional da súa parte oriental

24/01/2020

Obter datos topográficos, coñecer a evolución das deposicións de area na costa ou analizar a estrutura e situación das masas forestais e da vexetación da illa de Tambo son algunhas das posibilidades que outorga o mapa tridimensional que Julia Armesto, profesora da Escola de Enxeñaría Forestal, e o investigador Daniel Míguez elaboraron da parte oriental da illa, segundo informou o Duvi.

Fixérono despois de procesar os case doce millóns de puntos obtidos nas medicións realizadas empregando, por primeira vez en Tambo, tecnoloxía Lidar a bordo dun dron. O estudo, que se enmarcou na Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade de Vigo desenvolve conxuntamente coa Escola Naval Militar de Marín e foi realizado coa colaboración da empresa Cartogalicia, permitiu xerar "modelos dixitais tridimensionais do terreo e da vexetación" da franxa oriental da illa, explica a docente. Cunha resolución de preto de cen puntos por metro cadrado, esta medición posibilitou, entre outros aspectos, determinar os puntos da illa con maior vexetación ou mesmo, cunha metodoloxía de procesado propia, a altura das árbores desta parte da illa, na que se poden atopar eucaliptos de preto de 50 metros de altura.

Trátase, como sinala Armesto, da "primeira medición que se realiza en Tambo con Lidar", un sistema baseado na emisión dunha serie de pulsos de luz láser que, ao impactar cun obxecto sólido, "devolven un sinal de retorno con coordenadas x, y e z para cada un dos puntos". O posterior procesado da "nube de puntos" resultante permite, sen necesidade de desprazarse ao lugar en cuestión, "realizar unha análise topográfica do territorio, caracterizar e cuantificar os recursos forestais ou detectar estruturas resultado da actividade do home", explica a investigadora.

DA ILLA Á ANÁLISE. As medicións que deron pé ao estudo realizáronse o pasado mes de xullo na illa, no marco dunha actividade formativa "orientada á aplicación de tecnoloxías cartográficas en dinámicas costeiras" que Armesto imparte no programa de doutoramento do Campus do Mar. Coa colaboración da Escola Naval Militar, a Vicerreitoría do campus e Cartogalicia levouse a cabo este proceso de "adquisición de datos" do que saíu "un listado enorme" que trataron de converter "en datos útiles, interpretables e comparables".

Este traballo permitiu por unha banda realizar "unha análise das alturas da vexetación", coñecer en que medida os solos da illa están cubertos por vexetación e sinalar aqueles puntos do terreo" nos que estaba todo cuberto por un mato moi denso e moi alto", unha información valiosa "de cara á prevención de lumes".

Do mesmo xeito, permitiu detectar estruturas que pola súa xeometría "denotan que son o resultado da actividade humana", permitindo coñecer, por exemplo, as medidas e dimensións das ruínas dunha antiga capela ou dunha caseta existentes na illa, así como o grao no que están cubertas por vexetación. Tamén se puido realizar unha análise topográfica do territorio, coñecer as súas pendentes, ver "as variacións de deposicións de area na costa", "detectar camiños e valorar a súa accesibilidade", ao determinar que zonas se atopaban cubertas por vexetación e en que grao.

METODOLOXÍA. No relativo ás masas forestais, explica Armesto, estas tecnoloxías "permítennos caracterizar e cuantificar os recursos", facendo posible tanto coñecer a situación e dimensións das árbores como estimar a cantidade de madeira existente. De feito, este estudo levounos a "traballar en métodos de detección de árbores individuais", tendo en conta que Tambo "é unha zona non intervida desde hai décadas, que non está suxeita a un réxime de explotación e na que segregar a copa dun individuo fronte á doutro é difícil ata visualmente".

Os algoritmos desenvolvidos para esta identificación "noutras zonas con máis tradición de explotación forestal" foron deseñados para coníferas, "que, desde o punto de vista matemático, teñen unhas copas máis facilmente recoñecibles". De aí que o estudo lles levase tamén a comezar a traballar "nun sistema para detectar individuos", adaptado a masas arbóreas non estruturadas. "Nas zonas menos densas si fomos quen de facer esa identificación e de verificar as alturas das árbores".

Fuente: Diario de Pontevedra



NOTICIAS RELACIONADAS


Agasint

Las empresas de sistemas inteligentes no tripulados han creado una asociación, Agasint, que tiene su sede en la Confederación de Empresarios de Lugo. La promueven doce compañías que buscan «dar un impulso definitivo en Galicia a un sector emergente y en clara expansión, el de los vehículos terrestres, acuáticos y aéreos no tripulados de forma remota».