O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) levou a cabo estes días unha campaña de voos con drons nos portos exteriores da Coruña e Ferrol na que mostrou as posibilidades, en contornas portuarias, de AIRUS, a súa tecnoloxía de integración no espazo aéreo de naves aéreas non tripuladas.
Na campaña o ITG recreou varios casos de uso que son claves nos portos, como o control da seguridade perimetral ou a inspección de áreas de difícil acceso. As demostracións tiveron o seu peche este 13 de setembro cun Open Day celebrado en instalacións do ITG, no que empresas e axentes locais e nacionais foron testemuñas das aplicacións reais deste desenvolvemento tecnolóxico.
Estas probas forman parte do proxecto europeo U-ELCOME, que busca impulsar a implementación do U-Space na UE.
En palabras de Analía López Fidalgo, directora da área de Sensórica e Sistema Aéreos non Tripulados en ITG, “convertemos á Coruña e Ferrol en escenarios privilexiados das probas do consorcio europeo U-Elcome, demostrando as potencialidades da nosa tecnoloxía AIRUS de servizos U-Space nos portos. Estes primeiros casos de uso mostrados nesta campaña representan só o inicio da estratexia de ITG de innovación na contorna portuaria”. No próximo ano o ITG planea expandir as nosas operacións con drons para abordar casos de uso máis complexos e reais, dixo.
Nesta campaña, levada a cabo os primeiros días de setembro, validouse o uso simultáneo de drons en diversos casos de uso clave no día a día dun porto. Así, un dos principais obxectivos acordados no grupo de traballo creado por ITG onda representantes de ambos os portos foi a mellora da seguridade perimetral e a inspección de zonas non operativas, así como a vixilancia da atracada de barcos desde o mar, o que, en palabras do centro tecnolóxico galego, “facilitaría a detección e seguimento de verteduras, contribuíndo, por tanto, á protección do medio ambiente”.
O desafío principal
O principal reto a abordar durante os exercicios foi a xestión e control de varios drons voando á vez sobre os portos. AIRUS permitiu que máis de dez drons realizasen as súas actividades de maneira simultánea e de forma coordinada. As probas incluíron o despregamento de funcionalidades como a planificación e xestión dos plans de voo, o seguimento en tempo real dos mesmos, a emisión de alertas de conformidade ou a adaptación a cambios no espazo aéreo.
Durante varios días os drons utilizáronse para realizar un seguimento eficiente do estado físico do peche perimetral de Langosteira e áreas normalmente difíciles de inspeccionar, como o contradique. Ademais, a tecnoloxía de ITG con drons tamén se aplicou na inspección doutros elementos, como paramentos, defensas e diques de abrigo tanto no interior como no exterior dos portos da Coruña e Ferrol. “Esta capacidade de inspección detallada permite acelerar os procesos mantendo á vez as infraestruturas en condicións óptimas de maneira máis eficiente, reducindo os custos e mitigando riscos potenciais que puidesen afectar a instalacións críticas”, explicaron fontes do ITG, engadindo que estes labores de inspección e vixilancia resultaron ser “unha valiosa adición ao sistema CCTV (control de accesos) existente, xa que permite ofrecer unha visión completa do perímetro do porto e da súa superficie”.